NOVAS

Engádese a sección " A xente"

Nesta sección trataremos de ir recollendo aquelas persoas que, por un ou outro motivo, tiveron relación con Marcial ou na vida política e social daquela época.

Praza/Rúa Marcial Villamor Varela ( 29-11-07)

Ás 19:30 horas do día 29 de Novembro de 2007 o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou a inclusión do nome de Marcial Villamor Varela na relación de nomes para rúas, prazas e parques pendentes de nomear.

A Xunta de Goberno será agora o órgano encargado de realizar a asignación de cada nome da relación proposta a unha rúa determinada. Na petición elevada ó Concello solicitabase concretamente o nome da Praza situada entre o cruce das rúas dos Pexegos e a rúa do Olvido, por moitos significados. Está practicamente incluida na rúa onde Marcial viveu, a familia segue a vivir moi perto dela e agora mesmo está sen nome.

Na devandita relación ( aprobada cos votos do PSOE - que foi quen fixo a proposta do nome de Marcial - e BNG, e cos votos en contra do PP ) figuran nomes moi relacionados con Marcial ( Manuel Ceruelo, José Luis Puente Dominguez, Federica Montseny Avelino Pousa Antelo ) e non foron incluidos outros como Manuel Fraga, Rouco Varela ou Angel Suquía.

Dende aqui gracias a todos polo voso traballo e apoio a que este proxecto rematara en bo fin.

A fiscalía desestima a demanda contra o historiador Dionísio Pereira (02-10-07)

Un dos historiadores que máis documentación e cariño aportou á figura de Marcial, vese acusado polos descendentes de Manuel Gutiérrez Torres, antigo alcalde de Cerdedo, que consideraban que un estudo do autor atentaba contra a súa honra.

Toda a información en :

Dionisio Pereira

Amplianse seccións (21-09-07)

Despois de tempo sin engadir novas, amplianse seccións. Recollemos a sinatura de Marcial ( documentos ) e información sobre un dos seus consellos de guerra ( consello ).

Ó poder acceder ó Arquivo Militar atopamos amplia información sobre os Consellos de Guerra que sufreu, tanto no 34 como no 36. En breve contamos poder engadilos.

E chegou o día (04-07-07)

A busca rematou . Coa axuda de Antonio, un home que, sendo un neno de nove anos, veu o corpo de Marcial na cuneta, e que hoxe choraba e non podía falar ó lembrar a escea, pechamos o circulo. O Rego dos Vidalos deixa de ser un sitio descoñecido. ( a disposición na seccion "fotos")

O que sentimos neses intres ... non se pode definir. Algo nos fixo notar a presencia de Marcial a tódolos que alí estábamos. Foi como un "xa descanso en paz" que nos chegou de lonxe ... ou de moi preto. Ninguen poido conter as bágoas. Oirlle contar a Antonio a posición do corpo, como os rapaces da vila o velaron aquela noite, a súa lembranza textual das palabras de Dn Dario, o cura parroco, "sera comunista, pero ten alma como nos", dirixidas ós seus feligreses ... foron moitas emocions.

Antes o día xa fora dabondo. Conseguimos fotos do interior da casa onde estaba agochado. A lareira, tal e como estaba naqueles anos, onde Marcial pasaría as noites daquel inverno falando co seu primo Xosé da situación politica. Mentras, Dolores, lavaba a louza no fregadeiro de pedra. Entramos na habitación da mestra falanxista que compartia, allea, teito con Marcial.

Visitamos a Dn José, o curra parroco de Ferreira de Guntin, que puxo á nosa disposición os arquivos. Alí atopamos o certficado de enterramento de Marcial, no que Dn Dario di que "falleció el día veintiocho de septiembre a las seis de la mañana en Rego dos Vidalos, carretera de Santiago, de muerte violenta "   (contradecindo a versión oficial)  e tamen a autorización para transladar as cinzas a Boisaca no ano 1950 ( a disposición na sección "documentos").

A tódolos que colaboraron na busca ¡¡ gracias !!

Viaxe a Rego dos Vidalos II ( 14-06-07)

Non hai resultados. O posible sitio non coincide coas nosas noticias. Entre outras cousas, naquel ano non pasaba por ali a estrada. Nembargante deixamos moitos "axudantes". Visitamos parroquias. Falamos coa xente. Todos se brindaron a colaborar si lembraban algo. Visitamos a Dn José, o parroco de Ferreira de Pallares, que se ofreceu a falar cos veciños na procura de datos .... estamos á espera de novas ... pero as vibracións son positivas .....

Viaxe a Rego dos Vidalos ( 13-06-07)

O vindeiro mércores, día 13, desprazarémonos a Rego dos Vidalos. Despois de moito tempo de búsqueda e de moitas consultas , por fin, Tito, consigueu saber que, pese ó seu nome, non era un rego o que buscábamos senon que era unha finca que ten ese nome. O mércores agardamonos achegar ata ali . . .  ¡ e xa veremos os resultados ¡

 

Amplíase a sección "A represión en Compostela" cos nomes dos paramilitares. ( 05-06-07 )

Coa investigación de Luis Lamela García amplíase a seccion da "Represión en Compostela". Xa non só aparecen os nomes das victimas, senon que se engaden os dos seus executores. Gracias a este historiador polo seu traballo,  a súa contribución "boa e xenerosa" á ampliación desta documentación. Queremos facer notar expresamente que a devandita información non leva ningún animo revanchista, nada máis lonxe da nosa vontade. Non é máis que eso, información. Simplemente, para que o interesado no tema da páxina poida coñecer os datos e os acontecementos daquelas "calurosas noites do veran compostelan do 36" que durante tantos anos foron silenciados ou manipulados.

 

Colgase a nova páxina de Marcial Villamor Varela ( 27-05-07)

Despois dun tempo "en obras", e de mercar o seu propio dominio, reabrese a páxina en lembranza de Marcial. Queremos que sexa unha páxina aberta a aportacións e opinións. Seguiremos tratando de ir engadindo contido a medida que o vaiamos obtendo. De feito, neste intre dispoñemos de algún máis que está pendente de escaneo e outro, como o seu "Sumario por traición" do 02/08/1936, do que estamos a espera da sua recepción. Animámovos a que cada certo tempo vos vaiades dando unha volta por aqui.

 

Solicitude ó Concello de Santiago (19-02-07)

O pasado día 19 de Febreiro (vespera do seu aniversario). foi entregada no Concello a solicitude de recoñecemento á persoa de Marcial.

A mesma iba acompañada de 1.200 sinaturas, recollidas tanto personalmente coma por medio de internet, que apoiaban este recoñecemento, e que solicitaban a concesión do seu nome para un praza ou rúa na nosa cidade.

A devandita solicitude foi acollida con interese polo Alcalde, e coa promesa de incluilo na lista de nomes que propondrá para as novas rúas.

 

Apoio a Dionisio Pereira (10-02-2007)

O 12 de agosto de 2006, Verbo Xido, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes, organizou unhas xornadas de recuperación de Memoria. Falaron varias asociacións, presentouse un libro de Dionisio Pereira, organizaron unha rota por lugares da represión, e descubriuse unha placa, colocada sobre unha fermosa pedra labrada por canteiro local, na memoria de dous homes, Francisco Arca e Secundino Bugallo, canteiros e da CNT, torturados e asasinados o 13 de agosto de 1936 nunha cuneta de Pedre.

Non se sabe se os asistentes e as asistentes á homenaxe choraban de emoción ou polo fume, pois alí mesmo alguén plantara lume no monte había pouco tempo, e semellaba provocado, pois prenderan lume sobre queimado, que por alí xa ardera había dous días, como parte da vaga de incendios deste verán.

Máis tarde alguén arrincou a placa de homenaxe, que Verbo Xido repuxo outra vez en novo acto, no mes de novembro. Parece continuación destes feitos que a Corporación Municipal de Cerdedo revisara e anulara, de xeito non moi regular, un acordo previo que esixía a retirada da placa con nome dun alcalde implicado na represión.

E agora presentaron dúas denuncias contra Dionisio Pereira, por este parágrafo do seu libro sobre a represión fascista na comarca de Cerdedo: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." , e por outro parágrafo semellante nas Actas do Congreso de Memoria de Narón.

Dionisio Pereira está citado a comparecer no Xulgado de Paz de Cerdedo este xoves día 15, ás 11 e ás 12. Pídenlle que se retracte, cousa que Dionisio non pensa facer (como pode retractarse alguén dun traballo de investigación?) e que indemnice aos familiares.

Tirado de www.unionlibertaria.org

 

Carta  de Dioniso Pereira :

A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno". Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabedes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados. En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes.

A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva. Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva. Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos. Podedes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíovos tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación "Verbo Xido" por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.

Outra cousa:

O domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres "Espadela" celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a "Verbo Xido" a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña..... E máis nada. A ver en que queda todo isto.

Saúde

Dionísio Pereira

Onde apoiar a Dionisio: redaccion@culturagalega.org santiago@farodevigo.es pontevedra@farodevigo.es aestrada@farodevigo.es info@elcorreogallego.es digital@laopinioncoruna.com laregion@laregion.net redaccion@elpais.com internet@elmundo.es noticias@vieiros.com editor@vieiros.com